RELATO DESCONCERTANTE
Ante Xesús pódense adoptar actitudes moi diferentes. O relato dos magos fálanos da reacción de tres grupos de persoas. Uns pagáns que o buscan, guiados pola pequena luz dunha estrela. Os representantes da relixión do Templo, que permanecen indiferentes. O poderoso rei Herodes que só ve nel un perigo.
Os magos non pertencen ao pobo elixido. Non coñecen ao Deus vivo de Israel. Nada sabemos da súa relixión nin do seu pobo de orixe. Só que viven atentos ao misterio que se encerra no cosmos. O seu corazón busca verdade.
Nalgún intre cren albiscar unha pequena luz que apunta cara a un Salvador. Necesitan saber quen é e onde está. Rapidamente se poñen a camiño. Non coñecen o itinerario preciso que han seguiren, pero no seu interior arde a esperanza de atopar unha Luz para o mundo.
A súa chegada á cidade santa de Xerusalén provoca un sobresalto xeral. Convocado por Herodes, reúnen o gran Consello de «os sumos sacerdotes e escribas do pobo». A súa actuación é decepcionante. Son os gardiáns da verdadeira relixión, pero non buscan a verdade. Representan ao Deus do Templo, pero viven xordos á súa chamada.
A súa seguridade relixiosa cégaos. Coñecen onde ha nacer o Mesías, pero ningún deles se achegará a Belén. Dedícanse a dar culto a Deus, pero non sospeitan que o seu Misterio é máis grande do que todas as relixións, e que ten os seus camiños para atoparse cos seus fillos e fillas. Nunca recoñecerán a Xesús.
O rei Herodes, poderoso e brutal, só ve en Xesús unha ameaza para o seu poder e a súa crueldade. Fará todo o posíbel por eliminalo. Desde o poder opresor só pode «crucificar» a quen trae liberación.
Mentres tanto, os magos proseguen na súa procura. Non caen de xeonllos ante Herodes: non atopan nel nada digno de adoración. Non entran no Templo grandioso de Xerusalén: teñen prohibido o acceso: A pequena luz da estrela atráeos cara ao pequeno pobo de Belén, lonxe de todo centro de poder.
Ao chegaren, o único que ven é «ao neno con María, a súa nai». Nada máis. Un neno sen esplendor nin poder algún. Unha vida fráxil que necesita o coidado dunha nai. É suficiente para espertar nos magos a adoración.
O relato é desconcertante. A este Deus, escondido na fraxilidade humana, non o atopan os que viven instalados no poder ou encerrados na seguridade relixiosa. Revélase a quen, guiados por pequenas luces, buscan incansabelmente unha esperanza para o ser humano na tenrura e a pobreza da vida.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire