O ESPÍRITO É DE TODOS
A nosa vida está feita de múltiples experiencias. Gozos e sensabores, logros e fracasos, luces e sombras van entretecendo o noso vivir diario enchéndonos de vida ou angustiando o noso corazón.
Pero con frecuencia non somos capaces de percibirmos todo o que hai en nós mesmos. O que captamos coa nosa conciencia é só unha pequena illa no mar moito máis amplo e profundo da nosa vida. Ás veces, escápasenos ata o máis esencial e decisivo.
No seu precioso libro Experiencia espiritual, K. Rahner recordounos con vigor esa «experiencia» radicalmente diferente que se dá sempre en nós, aínda que pase moitas veces desapercibida: a presenza viva do Espírito de Deus que traballa desde dentro o noso ser.
Unha experiencia que queda, case sempre, como encuberta por outras moitas que ocupan o noso tempo e a nosa atención. Unha presenza que queda como reprimida e oculta baixo outras impresións e preocupacións que se apoderan do noso corazón.
Case sempre nos parece que o grande e gratuíto ten que ser sempre algo pouco frecuente, pero, cando se trata de Deus, non é así. Houbo en certos sectores do cristianismo unha tendencia a considerar esa presenza viva do Espírito como algo reservado máis ben a persoas elixidas e selectas. Unha experiencia propia de crentes privilexiados.
Rahner recordounos que o Espírito de Deus está sempre vivo no corazón do ser humano pois o Espírito é sinxelamente a comunicación do mesmo Deus no máis íntimo da nosa existencia. Ese Espírito de Deus comunícase e regala ata mesmo alí onde aparentemente non pasa nada. Alí onde se acepta a vida e se cumpre con sinxeleza a obrigación pesada de cada día.
O Espírito de Deus segue traballando silenciosamente no corazón da xente normal e sinxela, en contraste co orgullo e as pretensións dos que se senten en posesión do Espírito.
A festa de Pentecoste é unha invitación a buscarmos esa presenza do Espírito de Deus en todos nós, non para presentármola coma un trofeo que posuímos fronte a outros que non foron elixidos, senón para acollermos a ese Deus que está na fonte de toda vida, por moi pequena e pobre que nos poida parecer a nós.
O Espírito de Deus é de todos, porque o Amor inmenso de Deus non pode esquecer ningunha bágoa, ningún xemido nin anhelo que brota do corazón dos seus fillos e fillas.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire