ABERTOS AO ESPÍRITO
Non falan moito. Non se fan notar. A súa presenza é modesta e calada, pero son «o sal da terra». Mentres haxa no mundo mulleres e homes atentos ao Espírito de Deus será posíbel seguir esperando. Eles son o mellor agasallo para unha Igrexa ameazada pola mediocridade espiritual.
A súa influencia non provén do que fan nin do que falan ou escriben, senón dunha realidade máis fonda. Atópanse retirados nos mosteiros ou escondidos no medio da xente. Non destacan pola súa actividade e, con todo, irradian enerxía interior alí onde están.
Non viven de aparencias. A súa vida nace no fondo do seu ser en grao sumo. Viven en harmonía consigo mesmos, atentos a faceren coincidir a súa existencia coa chamada do Espírito que os habita. Sen que eles mesmos se dean conta, son sobre a terra reflexo do Misterio de Deus.
Teñen defectos e limitacións. Non están inmunizados contra o pecado. Pero non se deixan absorberen polos problemas e conflitos da vida. Volven unha e outra vez ao fondo do seu ser. Esfórzanse por viviren en presenza de Deus. El é o centro e a fonte que unifica os seus desexos, palabras e decisións.
Basta poñerse en contacto con eles para tomarmos conciencia da dispersión e axitación que hai dentro de nós. Cabo deles é fácil percibirmos a falta de unidade interior, o baleiro e a superficialidade das nosas vidas. Eles fannos intuírmos dimensións que descoñecemos.
Estes homes e mulleres abertos ao Espírito son fonte de luz e de vida. A súa influencia é oculta e misteriosa. Establecen cos demais unha relación que nace de Deus. Viven en comuñón con persoas ás que xamais viron. Aman con tenrura e compaixón a xentes que non coñecen. Deus failles viviren en unión profunda coa creación enteira.
No medio dunha sociedade materialista e superficial, que tanto descualifica e maltrata os valores do espírito, quero facer memoria destes homes e mulleres «espirituais». Eles recórdannos o anhelo máis grande do corazón humano e a fonte última onde se apaga toda sede.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire