DEIXARLLE A XESÚS ENTRAR NA NOSA CASA
Necesitamos ante todo buscar, coidar e desenvolvermos un proxecto san, digno e ditoso de familia que poida plasmarse na vida concreta de cada fogar. Xesús, acollido con fe e convicción na nosa familia, pódenos axudar a corrixir e mellorar o noso modo de vivir e pódenos descubrir un camiño novo máis digno de seguidores do seu Evanxeo.
Deixar a Xesús entrar na nosa casa significa arraigar a familia con máis verdade, máis paixón e máis ilusión na persoa d’El, na súa mensaxe e no seu proxecto do reino de Deus. Moitas cousas teremos de facer os próximos anos para reavivarmos as nosas familias, pero nada máis decisivo que poñermos a Xesús no centro do fogar, confiando na súa promesa: «Onde dous ou tres se reúnen no meu nome, alí estou eu» (Mateu 18,20). Non estades sós. No centro do voso fogar está Xesús. El reúnevos, aléntavos e sostenvos. Con Xesús todo é posíbel.
Acollermos a Xesús no fogar é tarefa de toda unha vida. O primeiro é aprendermos a vivir no fogar cun corazón novo e un espírito renovador. Isto significa empezarmos a vivir unha relación nova con Xesús, unha adhesión máis viva. Unha familia formada por cristiáns que apenas coñecen a Xesús, que só o confesan de cando en vez e de maneira abstracta, que nunca len o evanxeo, que se relacionan con un Xesús mudo do que non escoitan nada especial, nada de interese para o home e a muller de hoxe, un Xesús apagado que non atrae nin seduce, que non toca os corazóns…, é unha familia que dificilmente poderá sentir a súa forza renovadora.
Se ignoramos a Xesús e descoñecemos a súa mensaxe, non poderemos orientarmos a nosa vida de familia desde o seu Evanxeo. Se non sabemos mirar o mundo, a vida, as persoas, os fillos, os problemas… cos ollos con que Xesús miraba, diremos que contamos coa luz privilexiada da revelación, pero seremos unha familia cega que non sabe mirar a vida como a miraba Xesús. E se non escoitamos o sufrimento da xente coa atención, a sensibilidade e a compaixón con que Xesús escoitaba aos que atopaba sufrindo no seu camiño, seremos familias xordas. E se non sintonizamos co estilo de vivir de Xesús, coa súa paixón por facer un mundo máis xusto, coa súa tenrura cara aos nenos, co seu perdón aos desprezados…, non saberemos transmitir o mellor que Xesús transmitía, o máis valioso, o máis atractivo: a súa Boa Noticia.
Trátase de vivirmos nas nosas familias esta experiencia: camiñarmos os próximos anos cara a un nivel novo de convivencia familiar, máis inspirada e motivada por Xesús, e cara a unha dinámica e un estilo de vida mellor orientados a abrir camiños ao reino de Dios, é dicir, a ese mundo novo máis humano e ditoso que quere o Pai para todos, empezando polos últimos. Despois de vinte séculos de cristianismo, as familias cristiás necesitan un «corazón novo» para viviren e comunicar a Boa Noticia do Deus revelado en Xesús no medio da sociedade actual. O decisivo é non resignarnos a vivirmos hoxe en familia sen Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire