ALEGRÍA PARA TODO O POBO
Hai cousas que só a xente sinxela sabe captar. Verdades que só o pobo é capaz de intuír. Alegrías que soamente os pobres poden gozaren.
Así é o nacemento do Salvador en Belén: Non é algo para ricos e xente podente; un acontecemento que só os cultos e sabios poden entenderen; algo reservado a minorías selectas. É un acontecemento popular. Unha alegría para todo o pobo.
Máis aínda. Son uns pobres pastores, considerados na sociedade xudía como xente pouco honrada, marxinados por moitos como pecadores, son eles os únicos que están espertos para escoitaren a noticia. Tamén hoxe é así, aínda que, con frecuencia, os máis pobres e marxinados fiquen tan lonxe da nosa Igrexa.
Deus é gratuíto. Por iso é acollido máis facilmente polo pobo pobre do que por aqueles que pensan poder adquirilo todo con diñeiro. Deus é sinxelo, e está máis preto do pobo humilde que daqueles que viven obsesionados por ter sempre máis. Deus é bo, e enténdeno mellor os que saben quererse como irmáns ca que aqueles que viven egoistamente, encerrados no seu benestar.
Segue sendo verdade o que insinúa o relato do primeiro Nadal. Os pobres teñen un corazón máis aberto a Xesús do que aqueles que viven satisfeitos. O seu corazón encerra unha «sensibilidade cara ao Evanxeo» que nos ricos ficou con frecuencia atrofiada. Teñen razón os místicos cando din que para acoller a Deus é necesario «baleirármonos», «desposuírmonos» e «volvernos pobres».
Mentres vivamos buscando a satisfacción dos nosos desexos, alleos ao sufrimento dos demais, coñeceremos distintos graos de excitación, pero non a alegría que se lles anuncia os pastores de Belén.
Mentres sigamos alimentando o desexo de posesión non se poderá cantar entre nós a paz que se entoou en Belén: «A idea de que se pode fomentar a paz mentres se alentan os esforzos de posesión e lucro é unha ilusión» (Erich Fromm).
Teremos cada vez máis cousas para gozar, pero non encherán o noso baleiro interior, o noso aburrimento e soidade. Alcanzaremos logros cada vez máis notábeis, pero crecerá entre nós a rivalidade, o conflito e a competencia desapiadada.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire