MISTERIO
DE BONDADE
Ao longo dos séculos, os teólogos esforzáronse por profundaren no misterio de Deus, afondaren conceptualmente na súa natureza e expor as súas conclusións con diferentes linguaxes. Pero, con frecuencia, as nosas palabras esconden o seu misterio máis do que o revelan. Xesús non fala moito de Deus. Ofrécenos sinxelamente a súa experiencia.
A Deus Xesús chámao «Pai» e experiméntao como un misterio de bondade. Víveo como unha Presenza boa que bendí a vida e atrae aos seus fillos e fillas a loitaren contra o que fai dano ao ser humano. Para el, ese misterio último da realidade que os crentes chamamos «Deus» é unha Presenza próxima e amigábel que está abríndose camiño no mundo para construír, connosco e xunto a nós, unha vida máis humana.
Xesús non separa nunca a ese Pai do seu proxecto de transformar o mundo. Non pode pensar nel como alguén encerrado no seu misterio insondábel, de costas ao sufrimento dos seus fillos e fillas. Por iso, pide aos seus seguidores abrirse ao misterio dese Deus, crer na Boa Noticia do seu proxecto, unirnos a el para traballar por un mundo máis xusto e ditoso para todos, e buscar sempre que a súa xustiza, a súa verdade e a súa paz reinen cada vez máis no mundo.
Por outra banda, Xesús experiméntase a si mesmo como «Fillo» dese Deus, nado para impulsar na terra o proxecto humanizador do Pai e para levalo á súa plenitude definitiva por encima ata da morte. Por iso, busca en todo momento o que quere o Pai. A súa fidelidade a el condúceo a buscar sempre o ben dos seus fillos e fillas. A súa paixón por Deus tradúcese en compaixón por todos os que sofren.
Por iso, a existencia enteira de Xesús, o Fillo de Deus, consiste en curar a vida e aliviar o sufrimento, defender ás vítimas e reclamar para elas xustiza, sementar xestos de bondade, e ofrecer a todos a misericordia e o perdón gratuíto de Deus: a salvación que vén do Pai.
Para rematar, Xesús actúa sempre impulsado polo «Espírito» de Deus. É o amor do Pai o que o envía a anunciar aos pobres a Boa Noticia do seu proxecto salvador. É o alento de Deus o que o move a curar a vida. É a súa forza salvadora a que se manifesta en toda a súa traxectoria profética.
Este Espírito non se apagará no mundo cando Xesús se ausente. El mesmo llelo promete así aos seus discípulos. A forza do Espírito faraos testemuñas de Xesús, Fillo de Deus, e colaboradores do proxecto salvador do Pai. Así vivimos os cristiáns practicamente o misterio da Trinidad.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire